Wednesday 01 de May de 2024

A Mancomunidade de Ordes posiciónase en contra da violencia de xénero


 

No pleno deste mes o ente supramunicipal aprobou por unanimidade a súa adhesión á declaración da FEMP co gallo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o cal terá lugar este próximo domingo
A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes adheriuse á declaración institucional emitida pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) co gallo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que terá lugar o vindeiro domingo. Así se acordou por unanimidade no pleno correspondente ao mes de novembro.
Na dita declaración sinálase que “a pesar de levar corenta anos de democracia aínda vivimos nunha sociedade que non foi capaz de alcanzar a igualdade real entre homes e mulleres”. Tamén reafirma o compromiso “para seguir impulsando políticas que garantan os dereitos das mulleres e dos menores co obxectivo de conseguir unha sociedade libre de medo”. Outro punto é a esixencia de aplicar as medidas previstas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero para a construción dunha sociedade madura e autónoma.
Destácase tamén “a necesidade de educar en igualdade ás xeracións futuras” e considera “vital desterrar os roles sexuais, as actitudes e os comportamentos normalizados e consentidos que perpetúan a desigualdade”. Entre outros aspectos o texto expón a gran “preocupación polo aumento de menores asasinados a mans dos seus pais como instrumento de control e de poder sobre as mulleres”, ademais de agradecer “os esforzos por debilitar a multitude de microviolencias invisibles e sistemáticas que sustentan relacións baseadas no trato desigual”.

Por último a dita declaración sinala o compromiso da FEMP por “implementar todas as medidas de coordinación interadministrativa para protexer, defender e liberar as mulleres e menores vítimas da violencia de xénero.